Saber se nos van a chegar os cartos que levamos para facer a compra no supermercado é unha inquietude cotidiana, pois non sempre levamos a tarxeta ou se a levamos queremos ter control sobre o que gastamos a diario.
A propiedade distributiva a·(b+c) = a·b + a·c ou a·(b-c) = a·b - a·c e os números racionais son un estupendo recurso de cálculo mental.
- Se un litro de leite custa 72 céntimos, ¿canto custará unha caixa de 12? Solución: 72·(10+2)=720+144 =864 cents = 8,64 €.
- Algunhas veces convén facer cálculos aproximados, utilizando o exceso nalgún factor. Así no mesmo exemplo anterior: 75·(10+2)=750+150=900 cents = 9 €. Sempre e mellor que sobre a que falte.
- Se recurrimos aos números racionais, que son aqueles que traballan con partes da unidade e se recordamos que 75 = (3/4) de 100, entón témolo chupado: Solución. (3/4)· 12 = (12:4)·3=9 €. Sáenos de contadiño a aproximación. Claro, que se en lugar de 75 fose 85 xa so cabería aplica-la distributiva.
- Se queres elevar un número rematado en 5 ao cadrado, só tes que multiplicar as súas decenas polas decenas seguintes e engadirlle 25: Así 35·35 = 1225. O 12 sae de 3·4. ¿por que?. Pois pola distributiva, descúbreo.
- Se queres multiplicar por 5, basta con dividir entre dous e desprazar a coma un lugar á dereita ou engadir un 0. Por que? ¡Ahhh...!
- Se queres dividir entre 5, multiplicas por dous e despraza-la coma un lugar á esquerda. ¿Por que?. ¡Ahhh...!.
- Se compras n productos de 4,99 €, multiplicas 5 por n e réstalle n céntimos. E se son de 4,95€, multiplicas por 5 e réstalle (n/2)/10 céntimos.
- ¡Unha curiosidade!. Se queres sumar a lista da compra, suma a parte enteira e logo multiplica por 5 e dívídela entre 3, verás que non te alonxas moito do total. ( Aquí xa xogamos coa probabilidade que non todolos céntimos sexan superiores a 66).
- Se queres dividir un número entre 6, divídeo primeiro entre 2 e o resultado entre 3, porque 6 = 2·3. Para pasar de € a pts. é un método aproximado, sempre e cando lle engadas tres ceros ao final.
- Se queres multiplicar por 15, primeiro por 3 e logo por 5. Tamén podes multiplicar por (10 +5), é dicir, engadir un cero e sumarlle a metade.
- Procura buscar trucos de cálculo con estas técnicas e verás que é unha curiosa forma de discurrir.